Como sabedes estamos en período sinodal. Na etapa preparatoria. De sensibilización. Concretamente de sensibilización coa oración. A carón desta gustaríame completa-la tarefa de sensibilización cun percorrido histórico. A experiencia paralela (colexiada, coma este sínodo) que temos máis preto de nós é o Concilio Pastoral de Galicia, celebrado ó abeiro do Vaticano II, a inauguración do cal nos queda xa a 50 anos vista.
Pois ben: vouvos propoñer unha visita á hemeroteca para lembrar eses anos, esas arelas, esas esperanzas. Sen pretensión de ser exhaustivos, e cunha visión necesariamente parcial, xa que ó meu dispor só teño a hemeroteca dixital do xornal madrileño ABC dos xornais ABC e maila Vanguardia, diariamente vou poñer aquí un artigo do devandito periódico sobre o Concilio Pastoral de Galicia. Serán noticias sobre os preparativos, mencións de xuntanzas, crónicas das sesións, referidos en homilías e semellantes. Por veces breves, por veces un poquiño máis longas.
O período histórico a cubrir, xa que logo, vai ser desde 1968 ata 1979. Sei que a idea agroma polo 1967, pero dese intre non teño nada, e polo demais da etapa preparatoria (ata 1974) a información non é abondosa. O núcleo da colección irá centrado sobre as sesións máis sobranceiras da etapa conciliar (anos 1974, 1975 e 1976). E das últimas sesións (1977-1979), por desgraza, os artigos dispoñibles son máis ben escasos.
Sirva todo isto como inspiración e pulo para o labor sinodal que se está a comezar agora e coma unha pequeña homenaxe ó esforzo e mailas ilusións que moitas persoas puxeron na asemblea conciliar. Estade atentos, a partir da vindeira semana.
Moitas gracias pola paciencia en recoller, recortar e ofrecer tamaña información. Este Concilio Pastoral apenas «nos chegou» á xente nova e semella esquecido en predicacións e estudios actuais. Que non digo que haxa que olvidar os documentos da Igrexa universal pero tampouco esquecer estes traballados na local. Graciñas!!
Grazas a ti pola visita. Alégrome moito que che servise. Un saúdo