Puxéronse en marcha as reunións preparatorias do Sínodo Diocesano. Unha reflexión sobre como vivir a misión de servizo que o Señor encomendou á súa Igrexa. Estamos ante un momento privilexiado de luz e de discernimento sobre a propia identidade cristiá e o modo de afrontar os cambios desta época. O propósito nunca variou: presentar ante o mundo a Cristo Resucitado, o noso Salvador. As tarefas sinodais expresan a comuñón dos fieis co seu Bispo para traballar xuntos na Nova Evanxelización.
Os cristiáns destes tempos facémonos moitas preguntas. Detectamos certos síntomas de alarma na sociedade, como a crise ou o derrubamento dalgúns valores que pensabamos estables. Por iso, un dos puntos de partida do Sínodo Diocesano haberá de estar na identidade: Deus non nos abandonou; a súa Palabra segue guiando os nosos pasos; os seus mandatos volven mellores aos homes. A Diocese de Santiago non pode esquecer que a súa personalidade se enraíza no Apóstolo.
O Sínodo pon en marcha o diálogo eclesial. “Cando dous ou máis están reunidos no meu nome… (Mt 18, 20)”. É a hora de discernir con claridade a esencia e como presentala do mellor xeito á sociedade, sabendo que se trata dun grande ben. Da man da Igrexa, fieis á súa maternidade, os traballos do Sínodo analizarán a situación actual e buscarán novos camiños para a revitalización espiritual en tempos de crise.
Nun primeiro momento somos convidados á oración. E tal vez a pensar en positivo. Porque as nosas emocións e análises negativas poden deixar ocultas as novas formas de vida eclesiais coas que o Espírito quere indicarnos o camiño. O Sínodo debe detectar ese tipo de sinais, para que a diocese cobre novos azos, sen sufocarse cos resultados a curto prazo.
En definitiva: quen somos; que queremos; onde imos; por que camiños transitar; luces e sombras; como reconstruír e presentar a imaxe de Cristo que nos acompaña. Un Sínodo Diocesano non pretende “inventar a pólvora”. Se acaso, se inspira nese momento de faladoiro que sucedeu camiño de Emaús. Os discípulos descobren que Xesús resucitou e que seguirá con eles. Aí prendeu a súa audacia.
Deja una respuesta