Nacín en San Xoán de Campo, Trazo, o 7 de abril de 1934. Cando nacín realmente, oficialmente xa tiña un día de idade, porque consta nos arquivos que vin a este mundo o día 6. Isto proba que non sempre é verdade o que se di ou se escribe, anque conste nun documento oficial. Teño máis confianza en meus pais, Ramón e Manuela, que na partida de nacemento. Teño tres irmás, eu son o máis novo.
Toda a miña familia foi, e segue sendo, labradora. Na nosa casa sempre se falou e se fala galego. O galego do pobo, o galego “normal”, non o normalizado, o de “laboratorio”, o do: “ao”, “a A Coruña”, “a manxadoira”, o “polvo”, “os vigairos”…
Non sei por que fun ó Seminario, porque nin na miña familia nin na parroquia, houbera antes curas, nin había ambiente estudiantil. Quizáis tería a “culpa” a miña avoa materna, que tiña moitos netos, e lamentábase de non ter ningún que quixera ser cura; e tamén o meu cura, D. Andrés, e máis unha mestra excepcional, Dña. María Quintas, que convenceron a meus pais de que o rapaz “valía para estudar”. Graciñas infinitas a eles e tamén a toda a miña familia que, con moito sacrificio, fixo todo o posible para que eu chegase a ser cura. Estudiei 1º por libre, na Academia España, nun ambiente moi familiar, onde tamén comía e durmía. 2º e 3º paseino na mesma fonda, pero iba ás clases ó Seminario. Estando externo, pasaba algún “contrabando” ós internos que mo pedían. En 4º pasei a ser interno, e xa vestín sotana coma todos e vivín coma todos as circunstancias propias do lugar e da época; con moitas deficiencias, con moito frío, pero felices.
Gardo, sobre todo, un grato recordo da convivencia cos compañeiros e da confianza que había, e hai, entre os condiscípulos. Ademáis das enseñanzas dos profesores superiores e padre espiritual, axudáronme moito na miña formación: a familia, as lecturas, e a propia experiencia, a vida, vivida con espírito crítico. Do tempo do seminario recordo, dun modo especial, dous libros que lidos no momento oportuno, axudáronme a cambiar o “chip” na dirección axeitada. Un deles, “El joven de carácter”, prestoumo Juan Calvo Otero, cando estudiaba 5º. O outro, “Un cura se confiesa”, de Martín Descalzo, prestoumo Bernardo Mesías cando xa estaba en Teología.
Ademáis da Biblia, e os documentos do Vaticano II (que xa está medio esquencido), veño lendo dende hai máis de 50 anos, a Revista de Teología Pastoral “Sal Terrae”, unha magnífica revista, que debía ser lectura “obligatoria” para os curas. Nos últimos anos, estoume descamiñando, contagiado por Pagola e máis Martini.
No Seminario, Sánchez Lado, doume unha lección magistral que eu aprendín axiña e practiquei de contado. Díxome Víctor: “cando un superior me reprende, sin razón, en vez de enfadarme ou disgustarme, míroo fíxamente á cara, observo as súas reaccións e ríome por dentro”. Certifico, por experiencia, que da moi bo resultado.
Os profesores. Se eu formase parte dun tribunal para darlles nota, daríalle un dez: a D. Robustiano, pola abundancia con que el os repartía. A Don Benito, por ser tan ameno, tan práctico e de tanto sentido común; a D. José Guerra e a D. Manuel Rey, dous auténticos intelectuais que sabían comunicar a súa moita ciencia con toda claridade. Tamén lle dou un dez a Sanmiguel Santos, que non puido demostrar a súa valía como profesor porque a morte o levou cedo; pero explicaba moi ben e saltaba as normas usuais, rompendo moldes. En 1º de Hebreo, suspendeume no primeiro e segundo trimestre, expulsoume da clase por falar con Arjomil, e ó final do curso doume o premio, a pesar dos meus antecedentes. Despóis 9, 8, … 3. Había de todo.
Vocación. Se non sei por que fun ó Seminario, sí que sei por que me ordenei. Despóis de rezar, pensar e reflexionar moito, e consultar acerca da miña vocación, despóis de oír ó Padre Benjamín, dicir que tiña vocación, ata dar “cunha pedra nos dentes”, con toda libertade, totalmente convencido de que Deus me chamaba a ser cura, “non me quedou máis remedio” que dicir: “Sí, Señor”, sabendo que había no mundo outros camiños máis “rentables”.
Deja una respuesta